A mediados do mes de xuño, un grupo de persoas (Pilar Sampedro, David Otero, Héitor Picallo, Martiño Picallo, Maka Arca e Ana de Vilatuxe) decidimos levar adiante unha iniciativa que recolese a participación da sociedade civil para homenaxear a este home infinitoo home máis querido de Galicia, en palabras de Manolo Rivas.

Desde o primeiro momento proxectabamos unha homenaxe que consistiría, en principio, nunha exposición virtual aberta, na que puidesen participar xente do común e artistas recoñecidos de dentro e fóra de Galicia, con “mandas” de distinta temática, diferentes expresións artísticas, idades, procedencias…

O 8 de xullo inaugúrase o blogue  (https://mandadepezasparaisaac.blogspot.com/) informando da proposta do colectivo Alento esbravexo e detallando as bases do proxecto.

A partir dese momento, o noso soño convértese en realidade: até nós van chegando pezas e máis pezas até arredor de 250: poesía, lembranzas, artigos xornalísticos, ensaios, vídeos, vídeo-poemas, cerámica, pintura, escultura, gravado, música, arte mural, pezas artesanais téxtiles, ourivaría etc.

E a homenaxe acada unha resonancia internacional cando nos chegan mandas do Xapón, Australia, Nova Zelandia, Cuba, Polonia, Bélxica, Francia… que se suman á iniciativa de honrar a Isaac nunha data tan memorábel.

Desde o 14 de xullo, cada día, vaise pendurando “unha peza” no blogue, seguindo determinados criterios: alternancia muller / home, individual / grupo, diferentes expresión artísticas (poesía / pintura / cerámica / fotografía…).

Dado o aluvión de mandas recibidas, estas, no sucesivo, iranse publicando día tras día. Desta maneira, a homenaxe terá continuidade ao longo do ano 2020 até pendurar a última das obrasMentres facemos pública a listaxe de participantes para confirmar a chegada de todas as composicións, pedimos desculpas polos erros ou omisións involuntarios que puidésemos cometer e que só teñen unha causa: moito traballo e poucas mans.

Este texto é a miña contribución:

O MEU HOMENAXE A ISAAC DIAZ PARDO

primeira cabra con alas 1976

Título da obra e técnica :

“Cabra con ás”. Barro sin cocer bañada con betún de xudea e esgrafiada , feita no ano 1977. (longo 8cm, alto 4 cm, ancho 3cm)

Alá polo 1975, despois de ter debuxado moito as miñas mans, tocan por primeira vez o barro, até hoxe durante 45 anos seguidos. Debo agradecerlle dalgún xeito, tanto a Isaac Díaz Pardo como aos ceramistas portugueses Rosa Ramalho, Misterio, Rosa Cota…etc., nuns momentos difíciles e angulares na miña vida pois, aínda que o universo da pintura resultaba ser una agradable aventura, traía certas complicacións para a subsistencia diaria. Deste xeito, síntome herdeiro, amparado, regaláronme liberdade, pois foron eles co seu facer os que abriron o camiño para adicarme de cheo á cerámica.

Tempo antes da peza que comento a continuación, xa tiña feito un animal imaxinario de grandes proporcións que é a primeira dunha longa saga que dende aquela multiplícase fractalmente en formas e diversidades en toda a miña obra tanto cerámica, pictórica coma de debuxante. Xa daquela falaba e escribía en linguas imaxinarias, quizais para entenderme e entender mellor a todos esos bichos que somos. É curioso como se alinean as coincidencias nas distintas épocas, neste caso arredor dunha das primeiras pezas que fixen e que conservo sen cocer. Esta é a Cabra con ás que amoso na fotografía, feita no ano 1977  bañada con betún de xudea e esgrafiada en modo arcaico, que por feito das casualidades, este é o único animal mitolóxico que se atopou en Galicia, concretamente en Ribadeo, que despois reproduce Sargadelos co seu marcado estilo propio. A que fixen eu, alén de moitas outras, realiceinas cando estaba de estudante na Rúa Castrón Douro en Santiago de Compostela, sen saber da existencia da de Ribadeo. Así, conservei no meu facer a maxia dos símbolos tanto galegos coma ancestrais cos que sempre tiven unión, ao igual que Díaz Pardo sempre tivo en consideración.

Non podo esquecerme tampouco de Rosa María Maside, quen vendía os meus primeiros animais imaxinarios sen cocer na Rúa do Vilar preto da Catedral de Santiago e me permitían saír adiante. Rosa é a sobriña do pintor Carlos Maside, que da nome ao Museo Galego de Arte Contemporáneo Carlos Maside, situado no complexo da fábrica de Cerámicas do Castro do grupo Sargadelos. Simultáneamente, eu comezaba a vender os meus animais imaxinarios na Rúa do Franco cun cartel que decía: “Hai sereas e cempés, rupícolas moi bonitas, cabalos vivos máis de tres, e hasta hai bichos ao revés”. Visto o cartel, sempre preguntaban: “¿Por qué os fas?”; ao que eu lle respondía: “Son galegos, pois en calquera camiño de Galicia, teñen variedades de plantas e outros animais cos que se alimentar, de ahí a súa maxia imposible no deserto”, o que fai que non deixe de lembrar ao tan querido e inesquecible Isaac que abriu moitas portas deixando una enorme estela ao seu paso.

Esto me leva ao encontro que tiven con Díaz Pardo cando eu andaba na procura de aprender a traballar o vidro. Eu sabía da existencia dun forno destas caracterísiticas en Sargadelos polo que fun alí a falar con él para pedirlle se me deixaba aprender este oficio. Para a miña sorpresa nada máis preguntarlle respondeume: “Claro que podes, fai o que queiras no forno”, o que realmente, asustoume, pois eu pensaba que habería alguén alí que me guiase no proceso posto que esos fornos non estaban en funcionamiento neses momentos. Non obstante, animoume a facer o que eu tivese a ben. Un regalo espléndido que conmemoro sen querer cada día da miña vida, pois este home deixou forte pegada en min coma na Galicia que habitamos.

Como todos estamos feitos de todos, remato aquí co que dixo Isaac na súa despedida nunha reportaxe: “Perdón polas molestias”.